Sunday 12 de May de 2024

A Xunta realizará xornadas informativas sobre as axudas á rehabilitación de vivendas nos concellos do Camiño Inglés



A ARI dos Camiños de Santiago dispón en 2016 de 3,2 millóns de euros para axudas

A Xunta continuará coas xornadas informativas sobre axudas á rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago, concretamente nos concellos polos que se desenvolve o Camiño Inglés. A primeira destas charlas terá lugar o próximo luns no Concello de Cabanas e contará coa intervención da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez.

A área de rehabilitación dos Camiños de Santiago conta en 2016 cun orzamento total de 3,2 millóns de euros para actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas. Esta área comprende as sete rutas do Camiño de Santiago en Galicia, incluíndo 107 concellos e preto de 500 parroquias.

Dadas as especiais características de dispersión xeográfica desta Área de Rehabilitación Integral, o Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará charlas informativas na totalidade dos concellos incluídas na mesma, dirixidas aos titulares de vivendas susceptibles de beneficiarse das axudas deste programa, incluído no Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, aluguer e mellor acceso á vivenda 2015-2020.

As axudas da ARI dos Camiños de Santiago consisten nunha axuda do 35 por cento do orzamento protexible, axuda que pode acadar un máximo de 11.000 euros por vivenda. Poden beneficiarse das mesmas todas as vivendas que cumpran os requisitos e estean emprazadas nas parroquias polas que pasan as sete rutas do Camiño de Santiago. Nas zonas urbanas e de acceso ás vilas e cidades o ámbito queda limitado ás vivendas emprazadas no trazado do camiño.

Consideraranse actuacións protexibles a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en inmobles, edificios e vivendas unifamiliares a fin adecualas á normativa vixente. Máis detalles sobre obras subvencionables en http://www.igvs.es/web/actuamos/858

Dende comezos de febreiro estanse a realizar charlas informativas nos concellos incluídos nas distintas rutas do Camiño.